Thursday 25 de April de 2024

A Xunta incorpora unha nova estación de control de calidade do aire en Mugardos


— A nova instalación forma parte da Rede de Calidade do Aire de Galicia e está localizada ao suroeste de Reganosa

— Conta con analizadores automáticos para medir en tempo real as emisións das regasificadora, datos que se poden consultar na páxina web de Meteogalicia

A Xunta conta desde o pasado 1 de xaneiro cunha nova estación de calidade do aire na rúa Penedo, na localidade coruñesa de Mugardos. Trátase dunha estación clasificada como industrial suburbana, e o seu fin é coidar a saúde das persoas a través da medición das substancias presentes no ambiente.

Incluíndo a de Penedo, a Rede de Calidade do Aire de Galicia queda composta 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32) e con distintas tipoloxías: de tráfico (9), industriais (30), e de fondo (5). Estas estacións avalían diferentes factores que afectan á calidade do aire, dependendo da súa situación e da poboación á que representan.
Concretamente, esta nova estación está asignada a Reganosa na súa autorización de impacto ambiental, xa que polo seu proceso produtivo é susceptible de afectar á calidade do aire da súa contorna. É por esta razón que se realiza un monitoreo continuo das súas emisións. Grazas a este control, pode consultarse en tempo real a calidade do aire da zona na páxina web de Meteogalicia dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

As instalacións industriais son as encargadas de realizar o mantemento das súas estacións, mentres que os técnicos da Xunta de Galicia teñen establecido un sistema de seguimento destas estacións privadas para asegurarse de que cumpren cos estándares de calidade do aire esixidos na normativa.

O sistema de observación das emisións realízase a través de analizadores automáticos que detectan substancias como o dióxido de xofre, o dióxido de nitróxeno, o monóxido de carbono, o ozono, e o material particulado PM10 e PM2.5) e envían os datos recompilados cada 10 minutos.

A incorporación desta nova estación así como a renovación en 2022 da certificación de calidade ISO 9001 da Rede de Calidade do Aire enmárcanse no obxectivo da Xunta de seguir mellorando a cobertura xeográfica dos datos relativos ao estado do aire ambiente. De feito, Galicia mantén desde hai anos unha boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de toda España, grazas a un proceso continuo de renovación e mellora da súa rede.

Ademais, todas as accións da Xunta de Galicia nesta dirección están coordinadas coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e coa Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, aprobadas no ano 2019 e que contemplan moitas medidas cunha influencia directa ou indirecta sobre a calidade do aire.